Wednesday 01 de May de 2024

O Pleno de Boqueixón aproba 3 proxectos do POS + Adicional 2019 por un importe de preto de 200.000 euros


 

Acondicionarase a carretera de Lamas (Burgo) – á Igrexa, pavimentarase a praza da aldea da Pena e habilitarase unha senda peonil de Lamas a Rodiño

A Corporación de Boqueixón deu onte luz verde, na súa sesión plenaria de setembro, ás obras que se incluirán no POS + Adicional 2019 da Deputación Provincial de A Coruña. Dito plan incluirá tres proxectos que suporán un investimento dun total de 186.165,18 euros.

Na súa intervención, o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, salientou que estas tres actuacións “veñen a cubrir antigas demandas da veciñanza tanto da parroquia de Lamas como da de Loureda”. Máis concretamente, e neste último caso, procederase “ao acondicionamento da Praza da Pena, o que suporá a humanización desta aldea”, explicou o rexedor.

Por outra banda, proxéctase o acondicionamento en aglomerado do camiño que vai dende Lamas (Burgo) á Igrexa. Ademais da mellora do vial, tamén se contempla a canalización de 120 metros de augas pluviais e 300 de alumeado público.

Nesta mesma parroquia de Lamas levarase a cabo un proxecto de habilitación dunha senda peonil entre este lugar e o de Rodiño. “Deste xeito, enlazaremos esta infraestrutura coa que se está a rematar no medio do núcleo. A senda peonil facilitará que a veciñanza desta parroquia se poida trasladar con total seguridade ata a marquesiña do autobús que se atopa en Rodiño”, concretou Manuel Fernández Munín.

O voceiro accidental de Veciñ@s de Boqueixón, Iván Eirís (que substituíu a Xabier Canabal), anunciou a abstención do seu grupo neste punto. Se ben recoñeceu que se trata de obras necesarias, reclamaron a posibilidade de poder suxerir outras actuacións e de que se faga unha consulta previa sobre este tipo de cuestións.

Neste senso, o rexedor boqueixanés animou á oposición a presentar as súas suxestións de actuacións de cara aos vindeiros plans provinciais. “Anímolles a que nos remitan as súas propostas para o POS deste ano, que se terá que presentar no mes de novembro”, indicou.